A película
Vivamos o cinema converteuse un proxecto interesante, no cal todos aprendemos un sinfín de conceptos, imaxes e cuestións que antes descoñecíamos. As discusións e conclusións sobre as películas que seleccionamos foron de indubidable profundidade. Así, traballamos o tema das adaptacións lendo e comparando os filmes coas obras literarias orixinais. Tamén escoitamos con sumo pracer as bandas sonoras correspondentes. Pero o máis fermoso foi adentrarnos nas historias que aparecen en pantalla, vibrar de entusiasmo coas peripecias que lles suceden aos personaxes, rir e emocionarnos coas súas ocorrencias e cos seus sentimentos. Conseguimos, en abondas ocasións, que os alumnos e as alumnas descubrisen que o cinema é unha fonte de infindas sensacións.
Unha das películas seleccionadas foi Los Miserables, de August Bille, baseada na novela homónima de Víctor Hugo (Les Misérables, 1862).
De igual modo que a novela, a película nárranos a historia de Jean Valjean, detido por roubar un pan e retido durante 20 anos no cárcere a causa das súas múltiples tentativas de evasión, que cada vez prolongan a pena. Embrutecido pola convivencia con auténticos delincuentes, Valjean consegue, por fin, evadirse; pero a liberdade converteríao nun criminal se a sorte non o conducise á casa de monseñor Myriel. O sacerdote bríndalle a súa hospitalidade e Jean foxe despois de roubar dous candelabros de prata; mais é detido e conducido á presenza da súa vítima, momento en que se produce un prodixio, cando monseñor Myriel afirma que foi el mesmo quen lle regalou ao seu hóspede aqueles candelabros. Este suceso vai ocasionar unha profunda redención no noso protagonista. Así, algúns anos máis tarde descubrimos a Jean Valjean, cando xa construíra unha nova vida na cidade de Vigau baixo a figura solitaria e enigmática de benfeitor. Neste punto comparece o policía Javert, destinado á localidade como representante da lei, quen descobre que detrás do respectable alcalde se agocha un convicto, a quen xura atrapar custe o que custe.
A historia de Valjean entrelázase coa de Fantine, infeliz rapaza seducida por un estudante e convertida en prostituta para manter a súa filla Cosette. A nena, confiada a unha sospeitosa parella, os Thénardier, que a explotan indignamente, consegue a protección de Valjean, quen se fai cargo da súa educación. Cosette crece e velaquí o episodio de amor romántico coa aparición de Mario, fillo dun xeneral do Imperio napoleónico que abraza a causa do pobo.
Exposición na biblioteca
Despois da Revolución Francesa de 1789, Napoleón autoproclámase Primeiro Cónsul e o Estado francés réxese polo código napoleónico, que confirma os principais logros da Revolución. A súa autoridade esténdese de vagar e, aproveitando a popularidade que lle outorgan as vitoriosas campañas militares, Napoleón destrúe todos os atrancos que lle impedían o exercicio do poder.
Derrotado definitivamente en Waterloo (1815), en Francia restáurase a monarquía na persoa de Luís XVIII. Nos comezos do seu reinado, promúlgase unha Carta constitucional a través da cal se recoñecen determinados dereitos democráticos. A Luís XVIII sucédeo seu irmán, o absolutista Carlos X quen, ao restrinxir as liberdades políticas, enfróntase abertamente aos liberais e isto determina a revolución popular de 1830, que remata coa súa abdicación e coa proclamación de Luís Filipe de Orléans como novo rei.
Durante o reinado deste último monarca, logo dun período inicial dominado pola inestabilidade política, Francia coñece unha etapa de tranquilidade que propicia a industrialización e o progreso económico. Esta situación de bonanza remata cando, desde o ano 1846, a economía francesa experimenta unha forte recesión, circunstancia que é utilizada desde os círculos republicanos para socavar o Réxime. Así, mercé á axuda das clases traballadoras, provócase a abdicación do rei Luís Filipe e proclámase a Segunda República coa revolución do ano 1848.
A literatura romántica, que xa se manifestara en Alemaña e en Gran Bretaña desde comezos do século, non se desenvolve plenamente en Francia ata 1820, freada polo patrocinio que o réxime napoleónico realiza do Neoclasicismo. Non obstante, nas dúas primeiras décadas do século XIX descubrimos a produción de Madame de Staël e a de Francois René de Chateaubriand, que preparan o terreo para a xeración seguinte.
Hugo imponse axiña como líder dos escritores románticos franceses e acada o éxito en todos os xéneros literarios. En 1822 publica o primeiro volume de poemas, seguido de obras narrativas e dramáticas. Como poeta podemos destacar as Contemplacións, libro estruturado en dous volumes –Noutro tempo (Autrefois, 1833-1842) e Hoxe (Aujourd’hui, 1843-1854) –, co cal acada a plenitude poética. Tampouco debemos esquecer a Lenda dos séculos (La légende des siecles, 1859-1883), unha colección de pequenas epopeas, deseñadas cada unha delas arredor da correspondente figura mítica ou histórica. Unha destas narracións leva o título de O reiciño de Galicia e ten como protagonista a Nuño, trasunto do rei don García quen, no século XI, perde o reinado debido á cobiza dos seus irmáns, os reis Sancho de Castela e Afonso de León. O monarca galego morre no ano 1090 encerrado na torre de Luna, despois de ter pasado en prisión dezasete anos.
En teatro correspóndelle a Víctor Hugo definir a estética do drama a través do “Prefacio” da obra titulada Cromwell (1827), que se converte nun manifesto que conduce este xénero literario por un camiño revolucionario. Daquela o teatro francés estaba dominado polo modelo da traxedia clásica; pero, os escritores novos, ao leren as pezas de Shakespeare e os dramas históricos do alemán Schiller, descobren máis liberdade e viveza, calidades que están en consonancia coa nacente mentalidade. Soñan, pois, con crear en Francia obras equivalentes e inventan o “drama romántico”. Así, despois da estrea de Hernani (1830), unha das súas principais pezas de teatro, fica evidente o triunfo da escola romántica e da nova arte.
Como narrador imos salientar dúas obras. Notre-Dame de Paris, novela histórica publicada en 1832, trasládanos á cidade parisina do século XV, coa súa Corte dos Milagres: criaturas inquietantes como Quasimodo, truáns, xitanos...; todos estes personaxes que teñen como pano de fondo as liñas góticas da catedral. En Os miserables, novela á cal nos temos remitido, descubrimos igualmente referencias históricas, tales como as que nos envían á batalla de Waterloo ou á revolución de 1830. Nestas páxinas, a súa voz álzase atronadora para denunciar a opresión: Hugo culpa a “miseria” e a “inxustiza” dos males que padecen as persoas pouco afortunadas, e pensa que os criminais máis empedernidos poden salvarse a forza de paciencia e de amor.